Saturday 27 de April de 2024

O Concello e Protección Civil de Carballo súmase a campaña de ADOS “Tres Millóns de Grazas” coa finalidade de sobrepasar as 959 doazóns do ano 2021


A capital da comarca de Bergantiños ten un índice de 31 doazóns por cada mil habitantes e ano, polo que o obxectivo é aumentar o número de doazóns.

Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo, en colaboración con Protección Civil deste municipio, están a promover o desenvolvemento da campaña especial “Tres Millóns de Grazas” que achega o solidario xesto da doazón de sangue a toda a xeografía galega. A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa Consistorial de Carballo, que contou coa presenza do seu alcalde, Evencio Ferrero, e o xefe do área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS, Carlos Areal Méndez.

Dende ADOS salientouse o seu máis sincero agradecemento tanto á corporación municipal como a Protección Civil e aos veciños e veciñas de Carballo que efectuaron un total de 959 doazóns de sangue ao longo do 2021, o que representa unha taxa de 31 doazóns de sangue por cada mil habitantes e ano, nun período tamén condicionado polas circunstancias da pandemia da COVID-19.

Necesidade continúa
O Concello, Protección Civil de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverán a colaboración da veciñanza nas campañas de doazón de sangue, durante os días 4, 5 e 6 de agosto, para asegurar o gran labor asistencial dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias.

As temporadas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos períodos das vacacións estivais. Por esa razón, desenvólvense accións informativas cos concellos, para tentar garantir unha resposta adecuada co obxecto de cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos. Nesta campaña “Tres millóns de Grazas” encádrase a colaboración que levará en Carballo unha unidade móbil de ADOS na próxima semana.

Campaña na Praza do Concello
A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello de Carballo os días 4 e 5 de agosto das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 6 de agosto das 10:00 ás 15:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración coa corporación municipal e Protección Civil de Carballo, coa que se está a distribuír información entre a veciñanza destinada a promover e incentivar a participación neste acto solidario, así emitir unha megafonía para incentivar a participación. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE
Edificio Administrativo de San Lázaro – 15703
Santiago de Compostela
T. 881 542715
Mail: prensa@sergas.
www.sergas.es

Evolución na Comarca de Bergantiños

A evolución das campañas de doazón de sangue no pasado ano 2021 tamén estivo condicionada polos efectos das medidas para frear a pandemia da COVID-19. Pero aínda así, na comarca de Bergantiños houbo un ascenso de de dous puntos no índice de doazón por cada 1.000 habitantes e ano.

            Concello                            Doazóns 2021                  Habitantes                    Taxa de Doazón

Ponteceso 286 5457 52/1.000
Coristanco 297 5878 51/1.000
A Laracha 561 11521 49/1.000
Laxe 113 3004 38/1.000
Carballo 959 31414 31/1.000
Cabana de Bergantiños 84 4185 20/1.000
Malpica de Bergantiños 107 5332 20/1.000
Total Bergantiños 2.407 66.791 37/1.000